Total visitas á páxina

viernes, 14 de marzo de 2008

O son de Amainas

Todas as integrantes de Amaianas, vestidas co traxe tradicional galego e listas para tocar FOTO: Arquivo Amaianas


18.03.2007
EMILIO ESPAÑADERO
Para deixar constancia do gran labor desenvolvido no seo do Obradoiro de Música e Cultura Tradicional, creado pola concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames, decidíuse publicar un traballo discográfico que recollerá os sons das voces e das pandeiretas do seu grupo de cantareiras, ao que deron en chamar Amaianas
O grupo, que conseguíu conformar un núcleo estable de compoñentes, está formado na actualidade pola súa monitora, Lidia Gallas Otero (quen asumíu tamén a direción artística do disco), acompañada por Isabel López Antelo, Inés Suárez Rey, Cruz Negreira Rey, Irene Nieto Codesido, Andrea García Iglesias, Ainoa Raya Fajula e Antía Muíño Sánchez.
A estrea discográfica de Amaianas, que ten por título Xota da Amaía, contou co traballo nas tarefas de produción do profesor de baile do Obradoiro, Manuel filgueira Lorenzo, e de Xosé Navia Rey como técnico de son e responsable dos arranxos das pezas.
Unha das características dese traballo discográfico é que non foi publicado baixo criterios mercantilistas, de feito non foi distribuído comercialmente. Os únicos obxectivos pretendidos desde o Concello de Ames foron os de espallar o traballo cultural que impulsa como institución e apoiar o labor das cantareiras do seu Obradoiro.
En Xota da Amaía están recollidas 15 mostras do repertorio do grupo, ás que se suman dous bonus track, nas que queda demostrada a gran vitalidade e paixón coas que estas rapazas de Ames afrontan un traballo musical que, de seguro, lles levará a conseguir moitos máis éxitos.

¿Cando naceu Amaianas?
A orixe está na Escola Municipal de Música do Concello de Ames. Esa escola naceu no ano 1990 e por ela foron pasaron distintos mestres. Pero o que é, en concreto, o grupo Amaianas naceu no mes de outubro de 2005.

A aprender a tocar a pandeireta e cantar coplas tradicionais ¿que foi o que vos animou?
Principalmente foi o interese que temos todas nós pola música tradicional galega. A maiores, algunha de nós comezou a aprender, porque as clases e os ensaios facíanse ao lado da súa casa, iso fixo que se interesara polo que alí se facía e, cando se realizou o cambio de local, non dubidou en seguir, aínda que tivera que desprazarse máis lonxe para facelo. Outras comezaron a aprender como unha máis das actividaes extraescolares e gustoulles tanto que xa non o deixaron.

Das formacións de pandeireteiras que vos precederon ¿hai algunha á que consideredes como referente de Amaianas?
Por suposto que as Leilía, porque co seu primeiro disco abriron o camiño polo que despois camiñamos o resto dos grupos. Para todas as formacións que traballan coa música tradicional do noso país, elas son un referente ineludible.

Para o repertorio musical do grupo ¿de que fontes bebedes?
Traballamos con algunhas pezas que recollemos da xente maior; entre elas a señora Herminia, de Cordeiro, unha muller que xa cumpríu os cen anos e que nos emocionou moitísimo cando, ademais de cantarnos, animouse a tocar de novo a pandeireta. Esa imaxe quedou fondamente gravada no corazón e, para devolverlle dalgún xeito o agasallo que nos fixo, fómoslle cantar todas o día do seu centenario.
Pero a nosa fonte principal está no traballo que xa fixeron antes outras formacións de pandeireteiras. Ese material empregámolo, pero dándolle o noso propio estilo. Aínda que sexan temas que xa foron interpretados antes, gústanos imprimirlles o noso toque persoal para sentílas como nosas.

Dentro dese repertorio co que traballades, a seleción de pezas para o disco ¿foi complicada?
Bastante. O máis difícil foi decidir as pezas que non podiamos gravar, pola simple cuestión da duración do disco. Finalmente fomos escollendo as cancións máis populares, ou de máis éxito entre o público; O Serán recollido a dona Herminia non podía faltar e algunhas das pezas foron case "impostas" polo grupo de baile da Escola.

A decisión de rexistrar o voso traballo e publicar un disco ¿de quen partIu?
Directamente do Concello de Ames. En cada fin de curso existe o costume de amosar cunha actuación o traballo que se fixo ao longo do ano. Nunha desas galas estaban presentes o alcalde, Carlos Antonio Fernández Castro, e o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Fernández López. O que se lles ofreceu gustoulles tanto que decidiron que tiñamos que gravar o disco.

Cando vos comunicaron persoalmente a idea ¿cal foi a vosa reación?
Nun primeiro momento pensabamos que estaban de broma, que non podía ser certo. Ata cando nos vimos no lugar da gravación, que foi a Casa da Cultura do Milladoiro, con todos os micrófonos e o técnico preparados, aínda nos costaba crer que fose verdade, que non estabamos soñando.

E ao longo do proceso de gravación ¿como andaban os nervios?
A verdade é que a responsabilidade era grande, tanto por cumprir coa confianza que o Concello tiña depositada en nós, como polos cartos investidos no proxecto, e iso facía que os nervios dalgunha, máis en concreto Lidia, estiveran algo "disparados". Pero o que máis pesaba era a ilusión por ver feito realidade o que pouco antes non pasaba de ser un soño.

Pero gravando o disco ¿pasáchedelo ben?
Moito, a pesar de que o traballo foi realmente duro e rematamos a gravación totalmente esgotadas. Eran moitas horas gravando, facendo un alto para xantar ás carreiras e volvendo a gravar. Pero o resultado deixounos encantadas e satisfeitas do esforzo. Repetiríamos mañá mesmo.

O disco foi publicado, pero non se fixo unha distribución comercial ¿Por que?
Iso foi o acordado desde o primeiro momento, que o disco tivera unha función únicamente promocional. Que servira, a un tempo, para dar a coñecer a nosa música e o moi interesante traballo cultural que se promove e organiza desde o Concello de Ames.
Por iso, a totalidade dos 500 exemplares publicados do traballo discográfico foron distribuídos entre diversas institucións, asociacións, colectivos de Ames e medios de comunicación.

No hay comentarios: